Julia Becerra Malvar

Mural realizado por Miguel Peralta e Xoana Almar no colexio Julia Becerra Malvar dentro do proxecto "Violencia Zero". Como non coñeciamos á muller que dá nome ao centro comezamos a buscar información. En internet había pouca cousa polo que preguntamos no pobo e ás organizadoras do proxecto e conseguimos contactar coa sua neta Coca. Despois de pasar unha tarde con ela soubemos que o mural definitivamente tiña que tratar sobre Julia. Coca contounos unha morea de historias e anécdotas e a súa enerxía, cariño e admiración pola súa avoa atrapounos desde o primer momento. En resumo, atopámonos cunha historia de vida moi rica e complexa, unha muller que naceu en 1892 cun forte temperamento e carácter que moi nova marcha a París para coidar da sua tía e comeza a cantar ópera ata chegar á Escala de Milán, ata que seu pai a obriga a voltar. Unha muller de clase alta que cedeu o seu pazo para a firma do "Pacto de Barrantes" entre republicanos e galeguistas. Unha avoa que fai uns pantalóns vermellos á súa neta para que monte en bicicleta sen pinchar nos toxos nunha época na que as nenas só levaban saia. Unha muller que cantaba tódolos días, que tocaba o piano, que traballaba a horta e coñecía os ritmos da terra ata o punto de traer sementes de fóra como as alcachofas e conseguir que medraran fortes... Este mural homenaxea a memoria de Julia e o gran cariño co que nos foi trasmitidas pola súa neta, a historia dunha muller pouco coñecida á que ben paga a pena achegarse. Fotos de Elena Martin. Ribadumia (Pontevedra), setembro 2018.