CESTOLA NA CACHOLA é un proxecto colectivo de autoemprego constituído por tres persoas para traballar naquelo que máis nos gusta e onde aplicamos a nosa formación.

Xoana Almar e Miguel Peralta fan murais, cadros e ilustracións.

Raquel Doallo traballa e milita no eido da economía social e solidaria e o consumo consciente.

Somos:

-unha cooperativa: empresa de xestión democrática e compartida (unha persoa-un voto, con independencia do capital achegado).

-de traballo asociado: unímonos para poñer en común o noso traballo.

-sen ánimo de lucro: baixo a premisa de que "o salario non é lucro", defendemos poder obter un salario digno a través da comercialización dos nosos produtos e servizos. Os prezos das prendas, ilustracións, etc, que podes ver na nosa tenda online están calculados para poder manter a estrutura da cooperativa (custes de materiais, persoal…) sen que ningunha socia/o se enriqueza a título particular. No caso de que na cooperativa se obteñan beneficios, estes non serán repartidos entre as persoas socias, senón que se destinarán a reforzar o proxecto.

CESTOLA NA CACHOLA nace coa crenza de que o modelo económico convencional ten que mudar e que o cambio virá dunha sociedade consciente e organizada. ´Fronte ao individualismo, propoñemos a unión e o traballo en rede. Por iso estamos en REAS Galiza, UGACOTA, Rede SALMov3, AGPI e O Peto.

 

Se queres saber máis do equipo de traballo da cooperativa, bota un ollo aos perfís profesionais que conforman CESTOLA NA CACHOLA