A cooperativa

Cestola é unha empresa cooperativa dedicada ao muralismo, a pintura e a ilustración.

A  constituímos no 2013 Raquel Doallo, Xoana Almar e Miguel Peralta.

Levamos pintando (Xoana e Miguel) tanto en conxunto como por separado desde o 2008, cando nos coñecemos na Escola de Artes e Oficios de Granada facendo o Curso de Ilustración. No 2011 mudámonos a Galicia e pronto xuntámonos con Raquel para traballar neste proxecto.

Actualmente os murais son parte fundamental do noso traballo xa que desde 2015 vivimos un momento de auxe do muralismo e cada vez hai máis festivais, particulares, centros educativos e administracións públicas interesadas por el. Este auxe obriga a reflexionar sobre o papel do muralismo no espazo público, que estamos contando e transmitindo. Obriga a estar en constante formación tanto na forma como no fondo, en mellorar o estilo, a técnica, como os temas a tratar, ter tempo de profundar e documentarse. 

Entendemos a pintura como o exercicio dunha linguaxe propia mais que debe poder achegarse aos receptores. Por iso é especialmente interesante o muralismo, xa que é pintura fora do espazo privado e dos museos, ten un público xeral con quen comunicar e transmitir a emoción da racionalidade que supón a procura de ideas e historias e da forma elixida para contalas.